O Lugar de Reque súmase a celebración destes días cunha serie de obradoiros de cestería que xirarán en torno a unha temática común: o mundo das aves.
Niños, comedeiros, piteiras e cestas para os ovos serán as pezas que os participantes poderán facer da man das cesteiras Carmen Fieiras, Idoia Cuesta, Beatriz Valín, María Otero e María Jesús Labrador.
Durante a semana, de luns a venres os obradoiros terán unha duración de catro horas cada un desenvolvéndose en quendas de mañá e tarde. O sábado e o domingo os obradoiros serán de xornadas completas de oito horas.
Para acceder aos obradoiros da semana non se precisan coñecementos, con todo para os obradoiros do sábado e domingo sí será preciso acreditar experiencia previa.
Os obradoiros darán cabida a un total de 72 persoas. Se o tempo o permite desenvolveránse no exterior co obxectivo de compartir cos visitantes o espírito de celebración destes días.