Días Europeos da Artesanía ao redor do Fogar de Reque
Multisectorial

Co obxectivo de difundir a enorme riqueza e singularidade dos oficios artesáns, o Lugar de Reque acollerá a celebración dos Días Europeos da Artesanía que este ano se celebran do 27 de marzo ao 2 de abril.

A iniciativa celébrase simultaneamente en 18 países, está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), fundación pública e primeira escola de negocios de España, na súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, e Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España

Durante esta semana dos Días Europeos da Artesanía, artesás e artesáns achegarán a visitantes e curiosos os procedementos do seu traballo nunha contorna natural desde na que se revisan e actualizan oficios tradicionais e técnicas ancestrais ligadas á terra, para achegar solucións contrastadas e ecolóxicas. Un espazo permacultural no que se traballa para converter produtos en servizos en beneficio dun consumo máis responsable e un futuro máis sostible e igualitario.

Este ano o programa contempla obradoiros de cestería orientados ao público en xeral que estarán dirixidos polas artesás Beatriz Valín, Carlos Rubio, Carmen Fieiras, Idoia Costa e María Folgueira. Durante a fin de semana contamos coa participación especial, neste caso enfocada a cesteiras e cesteiros, de Álvaro Leiro.

Para participar nestes obradoiros é necesario enviar unha solicitude ao enderezo de correo lugardereque@deputacionlugo.org, indicando o obradoiro que se solicita, nome completo, DNI e un número de teléfono. O prazo para as inscricións está aberto desde o 21 ao 24 de marzo.

No apartado de demostracións contaremos coa presenza de Doa Ocampo que desenvolverá un dos seus murais da serie Reforestando, Xabier Quijada que traballará na restauración do forno do Lugar de Reque, e de Agnes Baldomá que traballará o tecido con fibras vexetáis. Todos eles traballarán especialmente na transformación e consolidación do Lugar de Reque como o Fogar que acolle, coida e sostén.

Para as demostracións non se require inscrición previa

Programa

OBRADOIROS

Luns, 27 de marzo: Cesta de lazos con Carmen Fieiras

Martes, 28 de marzo: Cesta mixta con Beatriz Valín

Mércores, 29 de marzo: Cesta de láminas de madeira con María Folgueira

Xoves, 30 de marzo: Cesta de cogumelos con Idoia Cuesta

Venres 31 de marzo: Cesto con asa de pau co Carabel Ecocestos

Sábado e domingo, 1 e 2 de abril: Cestería en espiral con Álvaro Leiro

DEMOSTRACIÓNS

Do 27 de marzo ao 2 de abril - Pintura mural proxecto Reforestando con Doa Ocampo

Do 29 ao 31 de marzo - Traballo coa pedra para a restauración con Xabier Quijada

1 e 2 de abril - Tecido con esparto con Agnes Baldomá

Fotos